
A Noite dos Morcegos
Cada último fin de semana de agosto, coincidindo coa International Bat Night, celebramos A Noite dos Morcegos, unha actividade de educación ambiental pensada para achegar ao público xeral o fascinante mundo dos quirópteros. O escenario é a área fluvial do río Tambre en Chaián, no concello de Trazo, un espazo natural privilexiado onde ciencia, curiosidade e conservación se dan a man.
Esta actividade está enmarcada nun proxecto europeo, a Bat Night, co que GEAS colabora desde 2017 mediante unha estación de esforzo constante de captura e seguimento de morcegos. A cita repítese cada ano no mesmo lugar e aproximadamente na mesma data, converténdose nun referente para persoas de todas as idades que queren coñecer de preto aos nosos mamíferos voadores.
Que é a International Bat Night?
A International Bat Night celébrase desde 1997 en máis de 30 países europeos, normalmente durante a última fin de semana completa de agosto, aínda que os organizadores locais poden adaptar a data segundo as súas necesidades. Esta xornada especial, respaldada por Eurobats, busca divulgar o mundo dos morcegos mediante actividades educativas, observación directa e investigación científica, co obxectivo de desmontar prexuízos, fomentar o respecto pola biodiversidade e destacar o papel esencial destes animais nos ecosistemas. Axencias de conservación da natureza e ONG de toda Europa organizan presentacións, exposicións e camiñadas nocturnas nas que se explica como viven os morcegos e cales son as súas necesidades ecolóxicas, ofrecendo a miúdo a oportunidade de escoitar os seus sons grazas ao uso de detectores de ultrasóns, nunha experiencia inmersiva que achega o público á realidade destes fascinantes mamíferos voadores.
Ciencia en acción
Durante a Noite dos Morcegos desenvólvense actuacións científicas e divulgativas:
- Instalación de redes de néboa para a captura segura dos exemplares.
- Sexado, pesado e identificación das especies capturadas.
- Recollida de mostras biolóxicas para estudos xenéticos e de patoloxías.
- Marcaxe dalgúns individuos mediante transponders, pequenos dispositivos que permiten o seguimento poboacional mediante técnicas de captura-recaptura.
- Uso de detectores de ultrasóns para “escoitar” aos morcegos.
Todas estas tarefas realízanse con estrito respecto polos animais, contribuíndo á obtención de datos clave sobre a biodiversidade galega e os seus hábitats.
Unha experiencia aberta a toda a cidadanía
A actividade está deseñada para que persoas de todas as idades —nenos, familias e público xeral— poidan achegarse ao fascinante mundo dos morcegos. Porque estes animais, lonxe de seren escuros ou perigosos, son imprescindibles para o equilibrio natural e merecen ser coñecidos e valorados.








